Celanova recibirá 464.000 euros para urbanizar a rúa Castor Elices
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou co alcalde de Celanova, Antonio Puga un convenio para financiar actuacións neste concello.
De esta forma, o Concello de Celanova recibe 464.000 euros para urbanizar a rúa Castor Elices, incluíndo actuacións de accesibilidade, mellora e ampliación de beirarrúas, renovación de servizos ou organización do tráfico.
Trátase de préstamos sen xuros, a través deste Fondo de Cooperación, cos que a Xunta colabora cos municipios para que invistan en actuacións fundamentais como a vivenda ou mellora das infraestruturas e servizos para a veciñanza.
Este Fondo presta apoio aos municipios de menos de 50.000 habitantes para financiar actuacións de rehabilitación e de conservación de patrimonio, así como de rexeneración urbana ou de adquisición de inmobles para rehabilitar.
Cómpre lembrar que este Fondo está dotado dun orzamento de 20 millóns de euros e o prazo de solicitudes para a convocatoria deste ano, dotada con 2,4 millóns de euros, finaliza hoxe mesmo.
A Xunta, dende a posta en marcha do Fondo, leva concedidos préstamos por importe de máis de 24 millóns de euros para impulsar 102 actuacións nun total de 68 concellos para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.