Celanova súmase ás celebracións do Día de Rosalía cun Caldo de Gloria

OurenseXa
O Caldo de Gloria servirase o vindeiro 21 de febreiro en 21 establecementos así como na Casa dos Poetas de Celanova
caldo-de-gloria-rosalia
13 Feb 2025

No mes de febreiro celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e, para conmemoralo, a Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha hai anos unha iniciativa destinada a implicar á hostalería na divulgación da escritora. A proposta consiste en que os establecementos elaboren un caldo seguindo a receita que Rosalía describe no seu poema Miña casiña, meu lar, ao que bautizou como “Caldo de Gloria”.

No marco do proxecto de consolidación dun itinerario do Rexurdimento, a iniciativa ampliouse hai uns anos a Celanova coa elaboración dun caldo na lareira da Fundación Curros Enríquez, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa “Ilduara”. Ademais, a celebración inclúe unha foliada na que se recitará o poema de Rosalía de Castro e contará coa participación da Banda de Gaitas de Celanova e do Grupo Lembranza Solpor.

Atendendo á proposta da Fundación Curros Enríquez, a hostalería de Celanova respondeu, unha vez máis, “de maneira extraordinaria”, confirmando a súa participación un total de 21 establecementos, entre restaurantes, cafeterías e taperías. A elevada porcentaxe de adhesión, que rolda o 50% do total da hostalería da vila, reflicte a sensibilidade do sector, que apoia activamente iniciativas culturais onde a literatura xoga un papel protagonista.

O venres 21 de febreiro, os restaurantes participantes incluirán o "Caldo de Gloria" nos seus menús, mentres que bares e tabernas ofrecerán unha cunca de caldo como acompañamento ao consumo de bebidas. Con motivo da celebración, a Fundación Curros Enríquez distribuirá entre os establecementos material proporcionado pola Fundación Rosalía de Castro, así como poemas da autora para que a súa lectura forme parte da xornada.

Desta maneira, Celanova únese un ano máis á homenaxe a Rosalía de Castro, mantendo viva a súa memoria a través da gastronomía e da poesía, dúas manifestacións culturais profundamente arraigadas na identidade galega.

Cartel Día de Rosalía 25 Celanova
0.16726112365723