CGT, CIG e Comisións Obreiras convocan tres manifestacións polo 1 de maio en Ourense

A Policía Local do Concello de Ourense informa de que as tres manifestacións convocadas polos sindicatos CGT, CIG e Comisións Obreiras con motivo do Día Internacional dos Traballadores provocarán este venres, 1 de maio, diferentes cortes de tráfico nas rúas polas que discorrerán.
A mobilización da CGT partirá ás 11:00 horas desde a Subdelegación do Goberno e pasará polo parque de San Lázaro, Curros Enríquez, Samuel Eiján, Sáenz Díez, Progreso, Ponte Romana e avenida das Caldas, ata finalizar na estación de tren.
Pola súa banda, a marcha da CIG sairá ás 11:30 horas da Praza Maior e continuará pola avenida de Pontevedra, Progreso, Xoán XXIII e avenida da Habana, rematando diante da sede da Xunta de Galicia.
Finalmente, a convocatoria de Comisións Obreiras comezará ás 12:00 horas na Subdelegación do Goberno e seguirá polo parque de San Lázaro, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior e rúa das Tendas, ata concluír na praza das Damas, fronte á Confederación Empresarial de Ourense (CEO).
Desde o Concello recoméndase á cidadanía prever posibles retencións e empregar itinerarios alternativos durante o desenvolvemento das mobilizacións.