Chantada lidera un programa de emprego que beneficiará a 100 desempregados de dez concellos ourensáns e lucenses

O Concello de Chantada, como cabeceira do programa, puxo en marcha a edición 2026/27 do seu Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa da que se beneficiarán dez municipios da comarca: ademais de Chantada, participan Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, A Peroxa, Coles, Vilamarín e Amoeiro.
O proxecto desenvólvese ao abeiro dunha orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicada o pasado mes de xullo no Diario Oficial de Galicia, e finánciase con cargo aos orzamentos autonómicos e con fondos transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
O programa está dirixido a mellorar as posibilidades de inserción laboral das persoas desempregadas destes concellos, a través de orientación personalizada, asesoramento, prospección de emprego e intermediación con empresas da zona. En total, contempla a participación de 100 persoas en situación de desemprego procedentes dos municipios integrados na iniciativa.
Como parte central do programa impartiranse 17 cursos de formación, recollidos no catálogo de especialidades do SEPE, entre os que se inclúen materias como mantemento básico de limpeza, condución de carretillas elevadoras, organización de almacén, primeiros auxilios, manipulador de alimentos, atención ao cliente, coidados auxiliares en xeriatría, deseño asistido por ordenador con AutoCAD 3D ou monitor de tempo libre, entre outros.
Quen o desexe poderá completar a súa formación con prácticas en empresas, co obxectivo de reforzar a súa cualificación de cara ás demandas actuais do mercado laboral. Ademais, a asistencia ás distintas accións formativas estará remunerada cunha bolsa de 10 euros ao día, e habilitaranse medidas de conciliación para quen teña ao seu cargo menores ou persoas maiores dependentes, no caso de que resulte necesario.
A preselección dos candidatos corre a cargo do Servizo Público de Emprego de Galicia. Non obstante, aquelas persoas interesadas que non fosen citadas previamente tamén poderán optar a unha praza acudindo aos procesos de selección que se celebrarán en cada un dos concellos participantes entre o 2 e o 10 de decembro. O único requisito indispensable para poder participar é figurar inscrito como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da selección.
O calendario de selección arrincará o 2 de decembro en Sober, ás 10.00 horas, e en Pantón, ás 12.00 horas, ambos na casa do Concello. Ao día seguinte, o 3 de decembro, será a quenda do Saviñao, ás 10.00 horas, na casa do Concello, e de Taboada, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura. O 4 de decembro celebraranse as sesións de A Peroxa, ás 10.00 horas, e Coles, ás 12.00 horas, ambas na casa do Concello. Xa o 7 de decembro tocaralle a quenda a Vilamarín, ás 10.00 horas, e Amoeiro, ás 12.00 horas, tamén nas súas respectivas casas do Concello. O proceso de selección pecharase o 10 de decembro coas citas de Carballedo, ás 09.30 horas, na casa do Concello, e Chantada, ás 11.30 horas, no auditorio municipal.