Chega a Celanova o XXII Foro da Igualdade da man da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense

Celanova acolle este venres e sábado o XXII Foro da Igualdade, unha cita xa consolidada impulsada pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) que pon o foco nesta edición na prevención das violencias machistas desde unha perspectiva social, educativa e cultural.
O encontro desenvolverase no Auditorio de Celanova e contará con entrada libre ata completar capacidade. Dividirase en dúas xornadas diferenciadas: unha orientada á mocidade e outra aberta ao conxunto da cidadanía, co obxectivo de achegar ferramentas de análise e sensibilización fronte á violencia de xénero en distintos ámbitos.
Na xornada deste venres, a programación estará centrada no público máis novo cun obradoiro específico no que se abordarán as violencias machistas no entorno dixital. Baixo o título “Hackeando o machismo”, a actividade propón dinámicas participativas para identificar discursos e prácticas discriminatorias nas redes sociais e promover unha participación máis crítica e igualitaria.
Xa o sábado 18, o foro abrirase ao público xeral cun programa que combina reflexión, testemuños e creación artística. A xornada comezará cunha mesa redonda titulada “Mulleres que transforman”, na que participarán perfís profesionais de distintos ámbitos como a seguridade, a política local e o deporte. Entre as intervencións, abordarase o acceso das mulleres a espazos de decisión e os retos de exercer liderado en contornas tradicionalmente masculinizadas.
A continuación, o encontro incluirá unha proposta escénica co monólogo “O comezo do mundo”, que recupera historias de mulleres do rural a través da tradición oral e pon en valor a súa contribución á transmisión da memoria e da identidade colectiva. A xornada pecharase cunha actuación musical a cargo da Banda de Celanova.
O foro enmárcase no programa “Fíos Violetas: prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero”, desenvolvido por FEMURO no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A entidade, que agrupa máis de 60 asociacións da provincia e conta con máis de 25 anos de traxectoria, desenvolve de forma continuada accións de formación, sensibilización e apoio ás mulleres do rural, co obxectivo de reforzar redes e mellorar a súa calidade de vida.