Cheo absoluto no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova coa representación de “O soño dunha noite de verán”

O Auditorio Municipal Ilduara de Celanova acolleu esta fin de semana a representación de “O soño dunha noite de verán”, a obra de William Shakespeare, coa presenza de numeroso público que encheu o recinto.
A posta en escena correu a cargo de Teatro Solpor, nun espectáculo que permitiu ao público achegarse ao universo do dramaturgo inglés a través dunha proposta teatral baseada no coñecido bosque encantado da obra.
Desde o Concello trasladaron o seu recoñecemento ao traballo realizado pola compañía, así como ás persoas colaboradoras e ao elenco participante, agradecendo a implicación de todas as persoas que fixeron posible a representación.
Tamén puxeron en valor o labor de Camila Álvarez Rivero na dirección do espectáculo, destacando a súa capacidade para trasladar ao público a atmosfera de “O soño dunha noite de verán”.