Chus Pato recibe o IV Premio das Letras Galegas Vivas da Biblioteca Sabela Labraña de Barcelona

GaliciaXa | OurenseXa
O xurado escolle por unanimidade á premiada entre 26 candidaturas válidas, nun galardón honorífico que recoñece cada ano a unha autora ou autor vivo en lingua galega
Chus Pato
Imaxe de arquivo
17 Nov 2026

A Biblioteca Sabela Labraña, integrada na Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), deu a coñecer a gañadora da cuarta edición do seu Premio das Letras Galegas Vivas. A distinción, de carácter honorífico, recae este curso 2026-2027 na escritora ourensá María Xesús Pato Díaz, coñecida como Chus Pato, en recoñecemento tanto á calidade da súa obra como ao seu compromiso coa lingua e a cultura galegas.

Nos vindeiros meses terán lugar diversos actos arredor da súa figura e da súa produción literaria, entre eles a entrega do propio premio. O galardón consiste nunha escultura realizada polo artista Anxo Baranga, inspirada no universo dos libros como símbolo do saber, a memoria e a resistencia cultural.

Un premio pensado para autoras e autores en vida

O Premio das Letras Galegas Vivas convócao desde 2023 a Biblioteca Sabela Labraña e carece de dotación económica. O seu obxectivo é recoñecer anualmente a traxectoria dunha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo, valorando non só os méritos literarios da súa obra, senón tamén o seu compromiso cultural, social e político, con especial atención ás mulleres e á súa achega ás letras e á cultura de Galicia.

Con esta iniciativa, a entidade traslada ás institucións galegas a proposta de impulsar un recoñecemento similar que non teña que agardar ao pasamento das persoas homenaxeadas, a diferenza do que ocorre co Día das Letras Galegas, como xeito de visibilizar e celebrar a vitalidade actual da lingua galega.

Para optar ao galardón, as candidatas deben ser escritoras vivas, de calquera idade, coa maior parte da súa produción publicada en galego e ligadas ao activismo social ou cultural. Son as socias e simpatizantes da ACGB quen propoñen os nomes ao longo do ano. Este curso presentáronse 37 candidaturas, das que, tras comprobar que cumprían os requisitos, se consideraron finalmente 26 válidas.

O xurado encargado da decisión estivo formado polo crítico literario Xesús González, o locutor de radio Suso Mon, a escritora Pura Salceda, a articulista Lluïsa Soaz e Sofía Tarela, xunto con Amador Castro en representación da Biblioteca Sabela Labraña, con voz pero sen voto. Tras valorar a ampla traxectoria das candidatas e o seu compromiso co activismo social ou cultural, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Chus Pato.

Unha traxectoria marcada pola literatura e o activismo

Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e docente de secundaria ata a súa xubilación en 2020, Chus Pato foi escollida polo xurado como “unha voz coherente, sempre comprometida coa lingua, a cultura e a nación”.

No terreo do activismo, foi unha das fundadoras de ERGA, militou na Unión do Pobo Galego e encabezou en varias ocasións a candidatura por Ourense da Fronte Popular Galega. Forma parte de distintas agrupacións de carácter literario, como o PEN Clube ou as Redes Escarlata, e pertenceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Desde a súa constitución en 2015 foi vogal do padroado da Fundación Euseino?, e forma parte tamén das directivas dos padroados da Fundación Rosalía de Castro e da Fundación Uxío Novoneyra. No pleno do 5 de novembro de 2016 foi nomeada académica de número da Real Academia Galega. En 2015, a súa voz quedou incorporada ás gravacións do Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard, espazo que recolle testemuños de figuras destacadas das letras universais.

Desde o punto de vista literario, o xurado puxo en valor a capacidade de Chus Pato para renovar a linguaxe poética e para articular, ao longo dunha extensa traxectoria, as relacións entre linguaxe, historia, memoria e identidade, nun percorrido que combina o literario co social e o político. A súa obra conforma, segundo o xurado, un ambicioso proxecto poético que afonda nas distintas dimensións da identidade —individual, de xénero, nacional e histórica— e na propia escritura. O xurado salientou, ademais, o seu papel como ponte entre xeracións, ao acompañar o desenvolvemento de novas autoras.

0.1814968585968