COGAMI impulsa en Ourense formación e prácticas para mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade

COGAMI está a impartir durante o mes de xuño en Ourense dúas accións formativas orientadas a mellorar as competencias profesionais e facilitar a inserción laboral das persoas participantes, no marco das súas iniciativas de apoio ao emprego.
Unha das formacións está centrada en Conserxería e Mantemento Xeral de Instalacións, na que participan 10 persoas procedentes dos concellos de Ourense, San Cibrao das Viñas e O Carballiño, con idades comprendidas entre os 18 e os 63 anos.
O curso inclúe 50 horas de formación teórica e complétase con 25 horas de prácticas en empresas, co obxectivo de achegar ao alumnado unha experiencia real nun contexto laboral. Segundo a entidade, esta acción formativa busca capacitar ás persoas participantes para o desenvolvemento de tarefas vinculadas á conserxería, á xestión integral de instalacións, ao mantemento preventivo e á seguridade en edificios residenciais e comerciais.
De forma paralela, COGAMI tamén imparte unha formación sobre Capacitación para o manexo e uso seguro de carretilla elevadora, na que participan 8 persoas dos concellos de Ourense, Celanova, Paderne de Allariz e Amoeiro, con idades entre os 24 e os 63 anos.
Esta segunda acción formativa está organizada e impartida conforme á norma UNE e conta con certificado de aptitude. O seu contido céntrase na adquisición de coñecementos técnicos e habilidades prácticas para o manexo seguro de carretillas elevadoras de distintas tipoloxías, baixo criterios de prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.
Ambas iniciativas enmárcanse no programa Máis Emprego, financiado pola Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus (FSE+), dentro do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza 2021-2027. O obxectivo é promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da empregabilidade das persoas participantes.