Coles acollerá o 13 de decembro a terceira edición do seu Mercado de Nadal

O municipio de Coles prepárase para celebrar a terceira edición do seu Mercado de Nadal, unha cita que volve converter o Auditorio local en punto de encontro para a venda de artesanía e produtos de proximidade.
A actividade terá lugar o domingo 13 de decembro, en horario continuo de 11.00 a 20.00 horas. Ao longo de toda a xornada, as persoas visitantes poderán percorrer os distintos postos instalados no recinto, pensados tanto para quen busque agasallos orixinais de cara ás festas como para quen desexe apoiar o traballo de pequenos negocios e artesáns da zona.
Máis alá da venda de produtos, a organización plantea o mercado como un espazo de convivencia veciñal, no que compartir o ambiente propio destas datas.
O Concello de Coles abriu así mesmo o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que conten cun negocio, elaboren artesanía ou produtos caseiros e queiran contar co seu propio posto durante a xornada. Quen estea interesado en participar deberá reservar o seu espazo antes do 4 de decembro.
Para ampliar información ou formalizar a inscrición, o Concello de Coles habilitou o teléfono 988 205 134.