Coles celebra este domingo a súa I Feira de Antigüidades e Artesanía

O Concello de Coles poñerá en marcha este domingo, 24 de maio, a súa I Feira de Antigüidades e Artesanía do municipio, unha cita que busca poñer en valor o patrimonio, o traballo artesanal e o comercio con identidade propia.
A feira desenvolverase na Praza do Concello en horario de 11.00 a 19.30 horas e está concibida como un espazo aberto á veciñanza e ás persoas visitantes, no que tradición e cultura se dan a man para ofrecer unha xornada dirixida a todos os públicos. As persoas interesadas en participar como expositoras poderán reservar o seu espazo ata o 20 de maio.
Desde a organización sinalan que, en caso de choiva, a actividade trasladarase ao Auditorio municipal, e animan á veciñanza a “pasear e descubrir pezas únicas cheas de historia”, nun entorno pensado para o encontro e a posta en valor da artesanía e das antigüidades.
Ademais, como actividade complementaria ao mercado, organizaranse varios obradoiros abertos ao público co obxectivo de achegar diferentes técnicas artesanais á veciñanza e visitantes. Así, ás 12:00 horas haberá un obradoiro de decoración de macetas, ás 17:00 horas unha iniciación á cestería e ás 18:00 horas unha iniciación aos bolillos.