Coles crea as agrupacións forestais 'Costa da Eirexe-Ribela' e 'Ribeira do Miño' para xestionar o monte de xeito conxunto

OurenseXa
O Concello remata meses de traballo cos propietarios para impulsar dous proxectos de xestión forestal compartida en dúas parroquias, co obxectivo de recuperar e ordenar o territorio
xestion-monte-coles
Fonte: Concello de Coles
2 Oct 2026

Despois de varios meses de traballo, que incluíron diversas xuntanzas cos propietarios e visitas sobre o terreo, o Concello de Coles fixo realidade a posta en marcha de dúas Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta no seu termo municipal.

A primeira destas iniciativas, denominada 'Costa da Eirexe-Ribela', localízase na parroquia de San Xillao de Ribela. Esta agrupación xa está dada de alta oficialmente e conta cun perímetro definitivo establecido.

A segunda, bautizada como 'Ribeira do Miño', sitúase na parroquia de San Miguel de Melias. Neste caso, a agrupación ten xa delimitada unha zona de actuación, aínda que neste momento se segue a traballar para concretar o perímetro definitivo das parcelas que formarán parte da xestión conxunta.

Este tipo de agrupacións busca unir os esforzos dos distintos propietarios para lograr unha xestión conxunta, profesional e sostible das parcelas forestais. Entre os seus obxectivos atópanse favorecer a mobilización dos terreos, recuperar a produción da terra, manter as fincas limpas, mellorar o aproveitamento dos recursos forestais e avanzar cara a unha xestión máis ordenada e activa do territorio.

Desde o Concello mantívose recentemente un encontro cos presidentes de ambas as agrupacións, co fin de coñecer de primeira man como evolucionan os traballos e cales serán os próximos pasos a seguir. O goberno municipal quixo agradecer de forma expresa a implicación tanto dos presidentes coma das xuntas directivas, así como de todas as persoas propietarias que participaron no proceso e fixeron posible este avance.

O desenvolvemento de ambas as agrupacións conta coa colaboración e asistencia técnica da empresa Ametlam S.L., e enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Aquelas persoas propietarias de parcelas situadas nestas zonas que estean interesadas en obter máis información, ou que queiran valorar a súa posible incorporación a estas agrupacións, poden poñerse en contacto coa técnica responsable do proceso, Inés, a través do correo electrónico ines@ametlam.gal ou no teléfono 680 38 81 62.

0.15808510780334