Comeza unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo en Pereiro de Aguiar

O Concello do Pereiro de Aguiar desenvolverá ao longo do mes de xullo unha nova programación audiovisual coa celebración das proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, que terán lugar no Auditorio dos Gozos en diferentes datas.
As sesións comezarán ás 21.00 horas e ofrecerán ao público a posibilidade de achegarse a distintas propostas do cinema e da creación audiovisual galega, nun ciclo que promove a cultura feita en Galicia.
A programación prevista inclúe as seguintes proxeccións: o 1 de xullo Ao son da nova regueifa; o 2 de xullo Antes de nós; o 3 de xullo Sirât; o 4 de xullo Deuses de pedra; o 5 de xullo as pezas Abellón, Adeus, Berta, Algo novo que contar e Curman; o 7 de xullo O silencio herdado; o 8 de xullo Las líneas discontinuas; o 9 de xullo 360 curvas; e o 10 de xullo San Simón.
A primeira sesión terá lugar esta noite ás 21.00 horas coa proxección do documental Ao son da nova regueifa, unha peza de 60 minutos de duración e apta para todos os públicos que foi finalista na categoría de documental dos Premios Mestre Mateo.
O filme achega unha visión sobre a nova regueifa e o proceso de recuperación, transformación e actualización desta expresión da improvisación oral en Galicia. A través dun percorrido por distintos puntos do país, o documental recolle o traballo de regueifeiras e regueifeiros que manteñen viva esta tradición, combinando raíces populares, creatividade, música e novas formas de expresión contemporánea.
Esta primeira proxección enmárcase nunha programación máis ampla que levará ao Auditorio dos Gozos diversas propostas do audiovisual galego durante o mes de xullo, coa intención de achegar o cinema ao público local.
Desde o Concello do Pereiro de Aguiar convídase á veciñanza a participar nesta primeira sesión e a gozar desta nova cita coa cultura galega e co cinema feito en Galicia.