Comeza unha nova edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ

OurenseXa
O eixo temático deste ano xira arredor das relacións entre verdade e ficción e acollerá actividades desde este venres ata o domingo
presentacion-flaz-allariz
3 Jul 2026

O Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras organizan unha nova edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ), que se desenvolverá desde este venres até o domingo e que volve situar a vila como punto de encontro arredor do libro e a creación literaria.

O eixo temático deste ano xira arredor das relacións entre verdade e ficción, das novas perspectivas na literatura actual e dos cambios na difusión das obras a través das redes sociais. Para abordar estas cuestións participarán no encontro José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira, Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez.

O programa comezará este venres 3 de xullo ás 19:30 horas cunha conversa baixo o título «O peso da verdade na ficción e viceversa», na que intervirán José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena.

O sábado 4 de xullo concentrará a maior parte das actividades. Ás 12:30 horas terá lugar o encontro «Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual», con Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez. Xa pola tarde, ás 17:30 horas, Koldo Concejo e Tensi Gesteira participarán na charla «A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos». A xornada pecharase ás 19:30 horas cunha mesa redonda con todas as persoas convidadas baixo o título «Escribir para un, escribir para os demais».

Ademais das mesas de debate, o festival incluirá unha feira de editoras na praza do Matadoiro, que funcionará o sábado de 16:00 a 21:00 horas e o domingo de 11:00 a 21:00 horas, como espazo de contacto directo entre o público e o sector editorial galego.

O domingo 5 de xullo celebrarase unha lectura continuada de textos de Rafael Dieste entre as 12:00 e as 21:00 horas, actividade aberta á participación da veciñanza e coa que se conmemora o 45º cabodano do autor de Rianxo.

Desde a súa posta en marcha en 2022, o FLAZ busca consolidar Allariz como un referente literario en Galicia, apostando por un modelo de programación que abrangue desde a creación ata a edición e o fomento da lectura.

0.12588000297546