Comeza unha nova edición do proxecto ‘Educa na diversidade, transforma a sociedade’
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense vén de poñer en marcha a terceira edición do proxecto ‘Educa na diversidade, transforma a sociedade’, unha iniciativa que persegue contribuír á inclusión e á xustiza social, medra este ano co obxectivo de alcanzar un maior impacto tanto en alumnado e profesorado participante como nas entidades da contorna implicadas e os seus membros, que serán poboacións con diversidade e grupos especialmente vulnerables.
O proxecto desenvolverase durante este primeiro cuadrimestre e nel participan 14 docentes da UVigo de diferentes áreas. Completa a participación do campus o Servizo de Cultura, as aulas teatrais e o obradoiro de danza educativa. Respecto ás entidades externas está o CIFP Portovello, o CEIP Mestre Vide, o Colexio Divina Pastora de Ourense; Once Ourense; Ciema Ourense-Asociación Centro Trama; Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar e Concaes-Confraternidad Carcelaria de España. “A fortaleza deste proxecto é que contamos cun grupo moi amplo e diverso de participantes do ámbito universitario e dos colectivos aos que queremos chegar. Será unha moi boa oportunidade para todos”, sinala a súa responsable.