Comezan as obras da nova área lúdica acuática de Barrocás cun investimento de máis dun millón de euros

OurenseXa
O Parque de Angelita Paradela contará cunha piscina infantil, unha zona de chorros e unha piscina lúdica para adultos de 250 metros cadrados, cun prazo de execución de oito meses
arranque-obras-proxecto-piscina-berrocas
12 Aug 2026

O Concello de Ourense iniciou este mércores as obras para construír unha nova área lúdica acuática no Parque de Angelita Paradela, no barrio de Barrocás. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 1.094.324 euros e será executado pola empresa ourensá Coviastec, S.L., cun prazo previsto de oito meses.

A actuación constitúe a segunda das piscinas de barrio previstas polo Concello, despois da que se está construíndo no Parque de Canedo, na Ponte. A seguinte prevista será a correspondente ao barrio de Covadonga.

A nova área de Barrocás contará cunha zona de chapoteo destinada aos nenos pequenos, unha zona de chorros e unha piscina lúdica con forma de praia. Esta última terá aproximadamente 250 metros cadrados e contará con diferentes profundidades, desde unha zona con lámina de auga superficial ata alcanzar 1,60 metros.

Segundo as previsións do Concello, a infraestrutura poderia estar preparada para o próximo verán.

O proxecto contempla tamén a creación dunha área de esparcemento, recreo e lecer integrada no parque urbano. Ademais das zonas de baño, o complexo disporá dun espazo para o control de acceso, aseos e vestiarios, zona de vixilancia e primeiros auxilios, duchas exteriores e cuartos soterrados destinados ás instalacións.

A actuación tamén inclúe unha ampla praia para a piscina, áreas de intercambio para “pés limpos e sucios” e unha zona axardinada. O deseño busca configurar un espazo aberto e reducir o impacto visual da nova infraestrutura sobre a contorna.

O edificio de servizos estará formado por un prisma de formigón visto, tanto no exterior como parcialmente no interior. O inmoble dividirase en dous volumes conectados mediante a cuberta: un deles estará destinado aos vestiarios e o outro á zona de traballo do persoal de vixilancia e a parte das instalacións da piscina.

A cuberta será vexetal, co obxectivo de integrar a construción no parque e reducir o seu impacto sobre a contorna.

0.12263584136963