Comezan as obras da nova senda peonil de Reza cun investimento de 1,5 millóns de euros

A Xunta de Galicia iniciou as obras da nova senda peonil na estrada OU-402, ao seu paso por Reza, no concello de Ourense, unha actuación na que inviste máis de 1,5 millóns de euros e que se enmarca no Plan de Sendas da Administración autonómica.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou o comezo dos traballos e explicou que o proxecto ten como obxectivo crear un itinerario peonil continuo pola marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 1+060 e 3+290, co fin de conectar os tramos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas da zona.
Segundo indicou, esta actuación permitirá mellorar a seguridade dos peóns, evitando que teñan que desprazarse pola marxe da estrada xunto á calzada. Pardo destacou ademais que se trata de “proxectos que teñen o selo de Galicia Calidade e van transformar esta cidade e a calidade de vida da veciñanza”.
O representante autonómico puxo en valor o proceso de tramitación do proxecto, que incluíu dous períodos de información pública. Neste sentido, subliñou o consenso acadado coa veciñanza e a incorporación de diferentes suxestións ao deseño final, entre elas cambios en varias paradas de autobús, que contarán con marquesiñas, e a habilitación de novas zonas de aparcamento en liña.
A nova senda manterá o trazado actual da estrada e terá unha anchura variable, entre 1,80 e 3 metros na maior parte do percorrido. O proxecto inclúe tamén a creación de bandas de estacionamento para evitar a invasión do espazo peonil por parte dos vehículos.
Ademais da construción da senda, executaranse actuacións complementarias como a mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, a colocación de sistemas de contención, a construción de muros e o reforzo da sinalización viaria.
Manuel Pardo destacou que, con esta intervención, complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, cun investimento de 8 millóns de euros. A estas actuacións sumaranse outras iniciativas orientadas á mobilidade peonil e ciclista na cidade.
O delegado territorial lembrou tamén que o Plan de Sendas da Xunta suma xa preto de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas planificados ou executados en Galicia, dentro da aposta da Administración autonómica por unha mobilidade máis segura e sostible.