Comezan as obras de mellora e humanización do núcleo da Lonia cun investimento de máis de 850.000 euros

OurenseXa
A actuación renovará as redes de saneamento, abastecemento, baixa tensión, alumbrado e telefonía e dará prioridade ao tránsito peonil cun prazo de execución de seis meses
arranque-obras-lonia
10 Aug 2026

O Concello de Ourense iniciou as obras de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia, unha intervención cun orzamento de licitación de 852.821 euros que contempla a renovación das principais infraestruturas básicas e a transformación dos espazos públicos para adaptalos ás características da zona.

Os traballos inclúen a renovación integral das redes de saneamento e abastecemento, da baixa tensión, do alumbrado público e da telefonía, ademais da humanización e pavimentación das diferentes zonas do núcleo.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, destacou durante o inicio dos traballos a importancia desta actuación no rural ourensán, sinalando que se trata dun investimento de arredor de 850.000 euros “nunha obra que a veciñanza leva moitísimo tempo agardando”.

O rexedor tamén puxo en valor que a execución corresponda a unha empresa ourensá, Coviastec, S.L. “unha vez máis por unha empresa ourensá, neste caso Coviastec, co cal é dobre alegría que sexan provedores ourensáns”.

A intervención busca revitalizar o núcleo da Lonia e mellorar os seus diferentes ámbitos, así como crear novos espazos destinados á reunión veciñal. Para iso, reformularanse zonas nas que ata agora tiñan maior protagonismo o tránsito e o estacionamento de vehículos, coa intención de favorecer o uso peonil.

As actuacións tamén pretenden resolver a falta de unidade existente entre intervencións realizadas anteriormente e adaptar os novos espazos ás características propias do núcleo rural.

O concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, explicou que esta actuación forma parte dunha nova batería de obras previstas na cidade de Ourense. “Empezamos o que en breve será unha nova batería de obras na cidade de Ourense. Esta é a primeira delas, que é a humanización integral do núcleo da Lonia”.

Lorenzo detallou que a intervención afectará ao conxunto das redes de servizos. No caso do abastecemento, está prevista a substitución das tubaxes de fibrocemento por fundición dúctil, mentres que tamén se renovará a rede de saneamento.

As redes de telecomunicacións serán soterradas mediante a eliminación das liñas de telefonía en superficie e tamén se acometerá a mellora do alumbrado público.

No relativo aos pavimentos, o responsable municipal explicou que se pretende dotar o núcleo dunha estética común mantendo unha plataforma única. Esta solución responde ás características das rúas, que son estreitas e deben permitir compatibilizar o tránsito peonil co tráfico rodado.

As obras serán executadas pola empresa ourensá Coviastec, S.L. e financiadas principalmente polo Concello de Ourense, que achegará máis de 800.000 euros. A Deputación Provincial de Ourense contribuirá con 4.500 euros a través do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense correspondente aos anos 2025-2026. O prazo previsto para completar a actuación é de seis meses.

0.14918494224548