Comezan as obras do novo aparcadoiro público municipal no Pereiro de Aguiar

O Concello do Pereiro de Aguiar puxo en marcha as obras dun novo aparcadoiro público municipal, dentro do seu labor continuado de mellora dos espazos e servizos públicos destinados á veciñanza.
A nova infraestrutura busca ofrecer unha zona de estacionamento máis accesible e organizada, co obxectivo de favorecer a mobilidade peonil e contribuír a reducir o tráfico no centro urbano.
Trátase dun aparcadoiro de tipo disuasorio que contará, nunha primeira fase, con 20 novas prazas, e que se suma a outros dous xa construídos con anterioridade no municipio. A obra está financiada con fondos europeos e constitúe a primeira actuación do plan integral previsto para o núcleo do Pereiro.
Segundo informou o Concello, a esta intervención seguiranlle outras actuacións dentro do mesmo plan, entre elas a humanización do pobo, a rehabilitación de vivendas e a construción da Casa da Cultura.
O goberno local enmarca este investimento como unha resposta ás necesidades dun municipio que, segundo destaca, segue medrando.