Comezan as obras para reforzar os terraplés da N-525 ao seu paso por Ourense

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible puxo en marcha os traballos para reparar e estabilizar os terraplés de desmonte da estrada N-525 ao seu paso polo concello de Ourense, concretamente na contorna do quilómetro 236,6, e que afectan a ambas as dúas marxes da vía.
Esta actuación forma parte dun conxunto de obras de emerxencia que o Consello de Ministras e Ministros aprobou despois de que varias treboadas de carácter excepcional afectasen á zona ao longo de 2026.
Entre os labores previstos están a retirada de vexetación arbustiva e a tala de árbores, así como escavacións na superficie dos terraplés para dotalos de maior inclinación e estabilidade. Tamén se aplicará formigón proxectado para protexer as superficies, colocaranse bulóns pasivos de suxeición e instalaranse mallas de tripla torsión para protexer a calzada fronte a posibles desprendementos de material.
Por mor destes traballos, desde este martes 13 de outubro e durante aproximadamente dous meses, haberá cambios na circulación e restricións puntuais na zona onde se sitúa o terraplén. Desde o ministerio sinalaron que todas estas afectacións estarán debidamente sinalizadas e que se porán en marcha as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas condutoras e reducir na medida do posible as molestias ocasionadas.
Co obxectivo de evitar o treito afectado mentres duren as obras, o departamento recomenda a quen circule pola zona que utilice como ruta alternativa o treito da autovía A-52 comprendido entre os enlaces de Ourense Centro, situado no quilómetro 228 desa autovía, e Ourense Sur, no quilómetro 224.