Comezan en Allariz as XXI Xornadas para a Igualdade

OurenseXa
Este sábado terá lugar o espectáculo musical "Soñando Inventei" na Casa da Cultura
acto-8m-allariz
Acto polo 8M en Allariz
8 Mar 2025

O Concello de Allariz, a través da súa área de Benestar Social, organiza un ano máis as XXI Xornadas para a Igualdade 2025, que se celebran con motivo do Día Internacional da Muller baixo o lema "Allariz Camiña pola Igualdade, e ti?".

Esta iniciativa reafirma o compromiso municipal coa igualdade de xénero, promovendo a importancia de avanzar colectivamente cara a unha sociedade máis xusta. Ademais, o lema desta edición invita á reflexión sobre a responsabilidade individual e colectiva neste camiño, fomentando a conciencia social e incentivando á cidadanía a formar parte activa do movemento polos dereitos das mulleres.

O programa inclúe diversas actividades que buscan sensibilizar, educar e fomentar o debate sobre a igualdade. O acto inaugural tivo lugar o venres 7 de marzo, coa lectura do Manifesto pola Igualdade na Praza Maior, seguido pola tarde coa charla "A Revolución Amorosa", impartida pola escritora e investigadora Coral Herrera, no Fogar dos Maiores.

Este sábado 8 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar o espectáculo musical "Soñando Inventei" na Casa da Cultura, unha proposta destinada a público familiar e aberta ata completar capacidade.

O venres 14 de marzo, a mocidade terá a oportunidade de participar no Escape Room "Misión Igualdade", unha actividade dirixida a adolescentes de 12 a 18 anos que se celebrará na Casa da Mocidade ás 18:00 horas. A inscrición será previa e poderá realizarse ata o 12 de marzo a través do correo mocidade@allariz.gal (capacidade limitada a 30 persoas).
O evento pecharase o domingo 16 de marzo coa Andaina/Carreira pola Igualdade, que sairá da Praza Maior ás 11:30 horas. A xornada finalizará cun concerto de Soul&Roll ás 13:00 horas, tamén na Praza Maior.

Con esta programación, Allariz reafirma o seu compromiso coa igualdade e convida a toda a veciñanza a participar activamente nas actividades previstas.

⚙ Configurar cookies
0.46422791481018