Comezan os traballos de asfaltado da rúa Progreso

A Xunta de Galicia iniciou os traballos de asfaltado da rúa Progreso, en Ourense, unha actuación incluída no proxecto de mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, no que o Goberno galego investirá máis de 2,8 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns o inicio das obras acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Os traballos comezan na rotonda de Concepción Arenal e prolongaranse ao longo da rúa Progreso ata a rúa A Coruña.
Segundo explicou o delegado territorial, a intervención contempla o fresado e a reposición puntual das zonas máis deterioradas do firme, a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a vía e a instalación de tres pasos elevados realizados con mestura bituminosa en quente.
Manuel Pardo indicou que a execución das obras obrigará a habilitar itinerarios alternativos para o tráfico co obxectivo de reducir as molestias á cidadanía. Os desvíos estarán debidamente sinalizados e foron consensuados coa Policía Local de Ourense.
Ademais da renovación do firme, o proxecto inclúe actuacións de reparación, rehabilitación e reforzo de calzadas e beirarrúas pertencentes ao dominio público autonómico. Tamén se renovará por completo a sinalización horizontal e executaranse outras melloras complementarias destinadas a incrementar a seguridade viaria e a accesibilidade.
O delegado territorial informou de que xa se completaron actuacións de accesibilidade e mellora de beirarrúas nas rúas Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca, A Coruña, Progreso, Sáenz Díez e Río Arnoia. Pola súa banda, na rúa do Seminario xa se executou o muro da marxe esquerda e continúan os traballos de colocación dos novos colectores e retirada dos antigos, mentres que as obras tamén avanzan na rúa Bispo Lorenzo.
As actuacións previstas inclúen a mellora da accesibilidade nos cruces e pasos de peóns mediante a instalación de plaquetas podotáctiles, rebaixes onde sexa necesario e ampliacións de beirarrúas para crear refuxios nos pasos de peóns. Segundo destacou Manuel Pardo, estas intervencións buscan incrementar a seguridade e a comodidade tanto para peóns como para condutores. “A adecuación de espazos urbanos para atender as necesidades das persoas con discapacidade non só mellora a calidade de vida, senón que tamén promove unha cultura de respecto e dignidade cara a todos os cidadáns”, afirmou.
O plan de mellora da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas abrangue tamén actuacións nas rúas Río Arnoia, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, A Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora.
Durante a visita, Manuel Pardo subliñou a importancia da rede viaria autonómica para a vertebración territorial de Galicia e lembrou que a Xunta destinou en 2025 un total de 68 millóns de euros á conservación das estradas da súa titularidade, incluídos os tramos urbanos, co obxectivo de mantelos en boas condicións de seguridade, accesibilidade e confort.