Concertos, humor, exposicións e obradoiros enchen Sobrado do Bispo nunha nova edición do Emulart

Sobrado do Bispo volve converterse esta fin de semana no centro da actividade cultural de Barbadás coa continuidade da terceira edición do festival EMULART. A programación prevista inclúe concertos de música tradicional galega e de cámara, un espectáculo de humor, exposicións artísticas e diferentes obradoiros, todas elas propostas gratuítas dirixidas ao público.
As actividades comezaron xa este venres no Parque do Fidalguiño coa actuación da Escola de Música Tradicional Nova Fronteira. A formación ofreceu un concerto no que participarán as distintas agrupacións que integran a escola, entre elas o grupo de gaitas e percusión Nova Fronteira, a sección de vento metal, a sección de corda, os grupos infantís de gaita e percusión, as formacións de pandeireta Cantagalos e Cantapoliños e o grupo de baile tradicional Abesouros.
Este sábado, ás 21.00 horas, na Igrexa de Sobrado do Bispo, o Cuarteto Dumka, creado en Vigo no ano 2016, interpretará un repertorio formado por algunhas das composicións máis recoñecidas da música clásica. O grupo, integrado por Marcos Escobar e Ana Shi aos violíns, David López á viola e Alejandro Costas ao violoncello, interpretará o 'Cuarteto nº 12 "Americano"' de Antonín Dvořák, 'Eine Kleine Nachtmusik' de Wolfgang Amadeus Mozart, a 'Air' da 'Suite Orquestral nº 3' de Johann Sebastian Bach e o tango 'Por una cabeza', de Carlos Gardel.
A programación do domingo desenvolverase en dúas localizacións. A primeira actividade terá lugar ás 12.00 horas na Praza de San Xoán, onde actuará o grupo de pandereteiras e cantareiras Vagalumes. Esta agrupación, creada no ano 2019 no seo da Asociación Cultural Voces e Cordas, naceu co propósito de recuperar, conservar e divulgar o patrimonio musical tradicional galego, poñendo especial atención nas cantigas creadas polas mulleres do rural.
Xa pola noite, ás 21.00 horas, o Bar Nani acollerá o espectáculo "Non quero molestar", protagonizado polo actor e humorista Xavier Veiras. Ao longo do monólogo, o artista emprega experiencias persoais e situacións cotiás para construír unha historia marcada pola ironía arredor dunha persoa incapaz de incomodar aos demais, o que a leva a atravesar consultas médicas, psicolóxicas, visitas a curandeiros e outras situacións surrealistas. Veiras desenvolveu a súa carreira no teatro, no cine e na televisión, participando en producións como 'Luar', 'Serramoura', 'Tourilandia', 'Lobos Sucios' ou na campaña 'Vivamos como Galegos'.
Xunto ás actuacións previstas para esta fin de semana, o festival manterá abertas entre os días 10 e 18 de xullo varias exposicións repartidas entre o local multiusos da rúa Xisterna e o edificio da Antiga Escola. As mostras reunirán gravados de Leonardo Rial e Xan Fincas, esculturas de Andrés Conde e José López, pinturas de Pilar Seara e Diana Moreda, ademais dunha exposición de arte popular con obras de Encarna García e Carmen Seara.
A programación completarase entre o 13 e o 18 de xullo con diferentes obradoiros. Antón Seoane impartirá un taller de arte urbano contemporáneo na Praza Halla do Souto, mentres que no local social do Fidalguiño desenvolveranse actividades dedicadas ao gravado, á escultura en madeira, á pintura e ao graffiti.
O festival prolongará a súa actividade ata o sábado 18 de xullo cun calendario de propostas que busca impulsar a creación artística e achegar distintas disciplinas culturais a Sobrado do Bispo, consolidando esta terceira edición como unha das citas do verán no municipio de Barbadás.