Continúan as obras de 64 vivendas públicas en Cambedo da Raia cun investimento de máis de 13 millóns

OurenseXa
As vivendas estarán destinadas ao alugueiro, e o 40% delas reservarase para menores de 36 anos inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda.
obras-vivendas-cambeo-de-raia
29 Apr 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou este martes o avance das obras de construción de 64 vivendas públicas en Cambedo da Raia, no municipio ourensán de Oímbra, que contan cun investimento superior aos 13 millóns de euros e cuxa finalización está prevista para o próximo ano.

Durante unha visita aos traballos, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a responsable autonómica subliñou que esta promoción se desenvolve en catro bloques de edificios deseñados para ofrecer vivendas modernas, con aproveitamento da luz natural e criterios de eficiencia enerxética orientados a reducir o consumo e mellorar o confort.

Ademais, a actuación contempla a integración do conxunto residencial nunha contorna con zonas verdes e áreas de sombra, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos futuros residentes.

As vivendas estarán destinadas ao alugueiro, e o 40% delas reservarase para menores de 36 anos inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda. Entre os requisitos, os adxudicatarios non poderán dispor de vivenda en propiedade e deberán estar empadroados ou traballar no municipio de Ourense.

Allegue enmarcou esta promoción dentro do plan autonómico de construción de 4.000 vivendas públicas, que xa se atopan en distintas fases de execución en Galicia.

Así mesmo, a conselleira lembrou as novas medidas anunciadas polo Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda, entre elas a actualización do IPREM e a incorporación dunha reserva do 30% das vivendas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos.

No ámbito provincial, a Xunta tamén avanza no desenvolvemento de novo solo residencial na cidade de Ourense. Neste sentido, destacou a tramitación do Proxecto de Interese Autonómico de Escorial-Vinteún, cun investimento previsto de 13,5 millóns de euros, que permitirá urbanizar terreos para a construción de máis de 1.400 vivendas, a maioría delas protexidas.

0.14513492584229