Continúan os cortes de tráfico en Ourense polos traballos de pavimentación, neste caso nas rúas Ervedelo e Galicia

OurenseXa
O primeiro corte terá lugar o sábado en Ervedelo, entre a intersección con Antonio Puga e a avenida de Portugal, e o domingo pola mañá cortarase a totalidade da rúa Galicia
obras-asfaltado-ourense
10 Jul 2026

O Concello de Ourense informa de varios cortes de tráfico previstos na cidade durante os próximos días con motivo da execución de obras e da instalación de maquinaria na vía pública.

A primeira das restricións terá lugar este sábado, 11 de xullo, na rúa Ervedelo, onde será necesario interromper a circulación para realizar traballos de pavimentación e aglomerado asfáltico. O corte afectará ao tramo comprendido entre a intersección con Antonio Puga e a avenida de Portugal.

O peche activarase ás 06.00 horas e manterase ata a finalización dos traballos. Durante este período quedará totalmente restrinxido o acceso desde a rúa do Progreso cara a Ervedelo. Os vehículos que procedan das rúas Jesús Soria e Doutor Fleming serán desviados obrigatoriamente cara á rúa do Progreso.

A Policía Local instalará a sinalización provisional correspondente e os desvíos necesarios nos puntos afectados. O Concello solicita á cidadanía que extreme a precaución e siga as indicacións dos axentes encargados da regulación do tráfico.

Ademais, a Policía Local informa doutras restricións de circulación previstas pola colocación de camións guindastre-elevadores para a realización de obras.

O domingo 12 de xullo, a rúa Galicia permanecerá pechada ao tráfico durante tres horas, entre as 07.00 e as 10.00 horas. O corte afectará a toda a súa extensión, desde a confluencia coa rúa da Coruña e a rúa Bonhome.

Durante esta franxa horaria, o acceso á zona de Ramón Puga poderá realizarse como itinerario alternativo pola rúa Nosa Señora da Saínza e a rúa Bonhome. As liñas de autobuses urbanos afectadas realizarán os seus percorridos alternativos pola rúa da Coruña.

A seguinte restrición está prevista para o sábado 18 de xullo na rúa da Concordia, que permanecerá pechada ao tráfico tamén entre as 07.00 e as 10.00 horas por un motivo similar. Os vehículos deberán empregar itinerarios alternativos durante o período do corte.

A Policía Local lembra a importancia de respectar a sinalización provisional instalada nas zonas afectadas e agradece a colaboración da cidadanía ante as posibles molestias ocasionadas polos traballos.

0.11110997200012