Corte nocturno da auga en Melón: a Comunidade de Augas do Padrón restrinxe o subministro por falta de caudal

A Comunidade de Augas do Padrón informou este xoves, 6 de agosto de 2026, de que o caudal de auga procedente dos mananciais que abastecen a zona é actualmente "moi reducido", segundo constatou unha revisión realizada esa mesma tarde nas captacións.
Segundo explica a entidade, aínda que o depósito se atopaba cheo o día anterior, a escasa entrada de auga obriga a adoptar medidas para garantir o abastecemento nos vindeiros días. Por este motivo, a partir de hoxe cortarase o subministro de auga todos os días de 22.00 horas a 08.00 horas, ata que se comunique o contrario.
A Comunidade de Augas do Padrón pide aos veciños que, mentres dure esta situación, empreguen a auga unicamente para usos de primeira necesidade. En concreto, queda expresamente prohibido:
- Encher piscinas.
- Regar hortas ou xardíns.
- Lavar vehículos.
- Calquera outro consumo non esencial.
A entidade pide "responsabilidade e colaboración" a todos os usuarios para evitar ter que adoptar medidas máis restritivas nas próximas semanas.