Cortegada abre o prazo para apuntarse ao Plan Madruga do curso 2026-2027

OurenseXa
O Concello pon en marcha este servizo de conciliación para o alumnado do CEIP Otero Novas, con 15 prazas iniciais e solicitudes ata o 1 de setembro
plan_madruga_cortegada
24 Aug 2026

O Concello de Cortegada abriu o prazo de inscrición do Plan Madruga para o curso 2026-2027, un servizo dirixido ao alumnado matriculado no CEIP Plurilingüe Otero Novas de Cortegada.

As solicitudes poderán presentarse entre o 24 de agosto e o 1 de setembro de 2026, ambos incluídos, a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial nas oficinas municipais.

O servizo funcionará todos os días lectivos, en horario de 8:00 a 10:00 horas, aínda que nos meses de setembro e xuño o horario se adaptará ao de entrada ao colexio. Prestarase nas instalacións do propio CEIP Otero Novas e contará inicialmente con 15 prazas.

Entre as actividades ofrecidas atópanse a acollida e vixilancia do alumnado, actividades lúdico-didácticas, animación á lectura e traballo persoal, así como o fomento de valores como o respecto e a colaboración. Así mesmo, ofrecerase un servizo de cociña para quentar os alimentos achegados polas familias.

En canto aos prezos, establécese unha modalidade fixa mensual: 20 euros ao mes por neno ou nena empadroado/a no Concello; 30 euros ao mes por dous irmáns empadroados/as; 30 euros ao mes por neno ou nena non empadroado/a; e 40 euros ao mes por dous irmáns non empadroados/as. Para as familias numerosas, o servizo será gratuíto.

Existe tamén unha modalidade esporádica, cun custo de 3 euros por día, sempre que haxa prazas dispoñibles.

0.1225061416626