Cristian Vispo, novo coordinador de actividades comunitarias en Ourense

OurenseXa
O enfermeiro Cristian Vispo será tamén o responsable da área de cronicidade da área sanitaria ourensá
Cristian Vispo e Verónica Civeira
Cristian Vispo e Verónica Civeira
9 Xul 2024

Desde principios deste mes de xullo as actividades de saúde comunitaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras están a ser coordinadas polo enfermeiro Cristian Vispo López xunto a Verónica Civeira, nomeada recentemente Subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria.

Cristian Vispo López acadou en 2012 a Diplomatura en Enfermaría na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, adscrita á Universidade de Vigo, e posúe unha extensa formación postgrao cun master en atención sanitaria, xestión e coidados da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de titulación de experto en Dirección e Xestión de Servizos de Saúde e tamén na Xestión de Recursos Humanos.

A súa experiencia laboral estivo sempre vencellada dende o 2014 á atención primaria ourensá traballando en diferentes centros de saúde da provincia, así como na área de pediatría e nos distintos puntos de atención continuada (PACs) da nosa área sanitaria. Ademais traballou como enfermeiro en varias unidades de hospitalización do CHUO.

Cristian Vispo que será tamén o responsable da área de cronicidade da área sanitaria ourensá, considera que “a prevención e a promoción son piares básicos do noso sistema sanitario, empoderar os pacientes, facelos corresponsables das decisións que afectan á súa saúde, traballar ca comunidade, saír das catro paredes dos centros de saúde é, unha necesidade prioritaria”.

Resalta que desde os centros de saúde da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, “levase traballando anos en esta dirección, traballo que se veu reforzado ca elaboración dos plans de saúde local xa implantados en varios servizos da nosa área sanitaria e sobre todo coa posta en marcha da estratexia de saúde comunitaria galega”.

Estratexia Galega de Saúde Comunitaria

A aprobación da estratexia galega de saúde comunitaria no pasado xuño do 2023, co fin de reforzar as accións de promoción da saúde dende atención primaria contemplaba a creación dunha rede de referentes co fin de reforzar a estrutura organizativa da saúde comunitaria.

A nova subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, Verónica Civeira, desenvolve o labor de coordinadora e referente de Área xunto a outros dezanove profesionais de enfermaría como referentes de saúde comunitaria dos diferentes servizos de atención primaria da nosa área sanitaria.

Ademais de potenciar os proxectos de promoción da saúde, a estratexia galega está a promover a docencia e a investigación en atención primaria na saúde comunitaria, por parte dos profesionais de atención primaria e, especialmente, do persoal residente en formación. Estase a elaborar un protocolo para “prescrición” de activos comunitarios, a elaboración do programa galego de saúde escolar e o programa galego de prevención da fraxilidade.

0.17190217971802