Cromática, a bienal de pintura nova de Ourense, abre as portas dunha nova edición no Centro Cultural José Ángel Valente

O Centro Cultural José Ángel Valente abriu este venres as portas á novena edición de CROMÁTICA, bienal de pintura xove, unha exposición que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 11 de setembro.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, participou no acto de inauguración desta mostra, patrocinada pola Fundación Cum Laude e organizada coa colaboración do Concello de Ourense.
A bienal ten como obxectivo dar a coñecer a obra de novos pintores e ofrecerlles a oportunidade de expoñer os seus traballos nunha sala de arte. Nesta edición preséntanse un total de 48 obras realizadas por artistas procedentes de España, México e Alemaña, nunha exposición que destaca pola variedade e a calidade das propostas.
A edición deste ano incorpora tamén a colaboración da Fundación ELSER e incrementa de maneira considerable a contía dos premios.
A exposición poderá visitarse no Centro Cultural José Ángel Valente de martes a sábado, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.