Cromática, a Bienal de Pintura Nova, regresa este venres ao Centro Cultural José Ángel Valente

O Centro Cultural José Ángel Valente inaugurará este venres, 10 de xullo, ás 19.00 horas, a novena edición de Crómática, a Bienal de Pintura Nova, unha iniciativa organizada pola Fundación Cum Laude para promover o traballo de novos creadores e facilitarlles un espazo de exposición ante o público.
A exposición permanecerá aberta ata o 11 de setembro e reunirá un total de 48 obras realizadas por artistas procedentes de España, México e Alemaña, configurando unha mostra na que a variedade de propostas e a calidade artística son algunhas das súas principais características.
O obxectivo desta bienal é dar visibilidade á pintura realizada por artistas novos e ofrecerlles a oportunidade de exhibir as súas creacións nunha sala de arte.
Nesta novena edición, Cromática conta tamén coa colaboración da Fundación ELSER, ademais dun incremento da contía dos premios respecto a convocatorias anteriores.