‘Danza no Camiño’ chega por primeira vez a Ourense cunha mostra de creación coreográfica internacional

Ourense incorporarase por primeira vez ao percorrido de ‘Danza no Camiño’, o festival itinerante de creación coreográfica contemporánea que celebra este ano a súa oitava edición. A cita terá lugar este mércores, 15 de xullo, ás 20.30 horas, na explanada do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
O programa inclúe tres propostas de artistas de Taiwán, Italia, Costa Rica e España que combinan danza, historia e patrimonio en espazos non convencionais. Desde o pasado 1 de xullo, o festival está a percorrer un total de 18 municipios de España.
A primeira das obras será Oeso | Miscanthus, do creador taiwanés Taboeh a ’Oebay Tataysi. A peza toma como referencia a herba da prata para establecer un paralelismo coa figura do peregrino do Camiño de Santiago e propón unha reflexión sobre a flexibilidade, a firmeza, a contención e o respecto. A través da interpretación de Pin Yi Kuo, Lin Jia-Jhen e Uegaki Akane, o corpo convértese nunha metáfora da resistencia e da adaptación, nun percorrido que invita a desprenderse do superfluo para regresar ao esencial.
A continuación representarase Olvídame, unha creación dos italianos Giovanni Leonarduzzi e Lia Claudi Latini para a compañía Bellanda. A montaxe sitúa no centro da escena a expresión do corpo fronte á palabra e constrúe unha atmosfera situada entre a vixilia e a alucinación, na que dous personaxes desenvolven unha relación marcada pola obsesión amorosa, o desexo de control e a dependencia emocional.
O programa completarase con Apenas, unha peza do coreógrafo costarriqueño Adrián Arriaga realizada en colaboración coa compañía SóLODOS, integrada por Erick Jiménez e Maruxa Salas, e co apoio do Centro Cultural Español en Costa Rica. Inspirada nos valores históricos e espirituais do Camiño de Santiago, a obra toma a mochila como elemento central, entendida como un contedor de memoria, identidade e transformación. A campá acompaña sonoramente o solo interpretado por Adrián Arriaga, nunha proposta que aborda a viaxe como unha chamada, unha guía e un recordatorio do paso do tempo, na que conflúen a fe, o esforzo e o desprendemento.
‘Danza no Camiño’ está dirixido polo coreógrafo Alberto Estébanez e organizado por CIDANZ Producións coa colaboración da Xunta de Castela e León e doutras administracións. No seu paso por Galicia, coa produción de SóLODOS, o festival conta co patrocinio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027, ademais da colaboración dos concellos de Ourense, Portomarín, Muxía, Ferreira de Pantón e Tui.