David Perdomo levará o seu humor ao Mosteiro de Santo Estevo dentro do Verán Cultural de Nogueira de Ramuín

O Concello de Nogueira de Ramuín continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural cunha nova cita dedicada ao humor. O próximo 14 de agosto, o actor e humorista galego David Perdomo subirá ao escenario do Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo para ofrecer un monólogo no que a comedia e a improvisación serán as grandes protagonistas da noite.
A actuación dará comezo ás 21.00 horas nun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos do municipio, que volverá converterse en escenario para unha das actividades destacadas da programación cultural do verán.
Co seu estilo próximo, desenfadado e cheo de espontaneidade, David Perdomo é un dos nomes máis recoñecidos do panorama humorístico galego. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos espectáculos e proxectos audiovisuais, consolidándose como un dos cómicos con maior conexión co público grazas ao seu humor baseado nas situacións cotiás e na interacción cos asistentes.
O Concello anima á veciñanza e aos visitantes a participar nesta proposta, pensada para todos aqueles que queiran desfrutar dunha noite de risas nun enclave singular como o Mosteiro de Santo Estevo.
As entradas xa poden adquirirse de forma presencial no Departamento de Cultura do Concello de Nogueira de Ramuín.