Decenas de persoas participaron este domingo en Ourense nunha andaina solidaria a prol de Alcer e a Asociación Diabética Auria
Este domingo, 29 de setembro, a cidade de Ourense acolleu unha andaina benéfica a prol das asociacións diabética Auria e ALCER Ourense. O obxectivo desta actividade titulada 'Camiños pola saúde' non é outro que dar visibilidade a ambas asociacións fronte á cidadanía, fomentando hábitos de vida saudables e chegando a cada vez máis persoas, coa finalidade de previr estas enfermidades crónicas que cando se manifestan, non desaparecen, afectando ao seu día a día e todos os seus ámbitos de vida.
Os participantes saíron da Alameda de Ourense, desde onde percorreron o río Barbaña ata chegar a Seixalbo, onde tivo lugar un sorteo de agasallos, para logo facer o percorrido inverso ata volver á Alameda.
A Asociación diabética Auria é unha entidade sen ánimo de lucro que atende dende fai 22 anos ás persoas con Diabetes de tódolos perfís e as súas familias, realizando prevención, educación e acompañamento no proceso vital da patoloxía.
ALCER Ourense é unha entidade que leva traballando polo benestar das persoas con enfermidade renal crónica en Ourense dende o ano 1982.