Denuncian a falta de medidas municipais contra a calor en Ourense
O Grupo Municipal Popular reitera a súa preocupación e denuncia que o alcalde continúe sen levar a cabo ningún tipo de medida municipal fronte as vagas de calor que está a atravesar Ourense. “En abril xa anunciamos que sería un verán de temperaturas extremas e pedímoslle no pleno ao grupo de goberno que implantase algunha medida, incluso llas facilitamos, pero pareceulle ‘absurda’ a nosa moción”, lembra a edil, Inma Moreiras.
“Ese pasotismo do alcalde fai que hoxe e con continuas vagas de calor os nosos veciños non teñan un refuxio climático, máis que as súas casas, e si teñen que saír non conten con practicamente ningunha sombra, o que é un problema moi grave e preocupante”, lamenta a popular. “Principalmente na poboación máis vulnerable da nosa cidade: anciáns, enfermos crónicos, nenos e embarazadas”, continúa.
O Partido Popular entende que son moitas as solucións de baixo custo que se puideron e se poden levar a cabo para facilitar a vida dos cidadáns de Ourense.
“Habilitar os centros cívicos como refuxio ou empregar elementos téxtiles para dar sombras son dúas medidas moi sinxela que non aplicou o goberno local por total falta de vontade política”, denuncia a concelleira.
Por outra banda, o PP fai fincapé no abandono dos paseos fluviais da cidade cando, tal e como explica a edil “son lugares frescos aos que poderían acudir os veciños, principalmente a última hora da tarde”. “Hai algún, como o da Lonia, nos que xa é impracticable camiñar”, engade a edil. Tamén lamentan os populares o escaso número de fontes que hai en toda a cidade.
Por último, a concelleira pon de manifesto que “dende o Grupo Municipal seguiremos levando a cabo a nosa política construtiva que se centra en escoitar aos veciños e buscar solucións ata conseguilas”.