Deputación e CEO consolidan "Xerencias en Rede", un programa pioneiro para impulsar a dixitalización das asociacións empresariais

OurenseXa
Seis entidades da provincia recibiron formación en ferramentas dixitais e intelixencia artificial no marco do proxecto ExportOU
clausura-programa-xerenias-na-rede
14 Jul 2026

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) clausuraron este luns a primeira edición de "Xerencias en Rede", un programa piloto de capacitación e asistencia estratéxica dirixido ás asociacións empresariais da provincia co obxectivo de reforzar a súa transformación dixital e mellorar a súa xestión mediante o uso da intelixencia artificial.

A iniciativa, desenvolvida durante dous meses no marco do proxecto ExportOU, contou coa participación das asociacións empresariais de Cortegada, Valdeorras, Verín, Celanova e Xinzo de Limia, ademais da Asociación de Autónomos da provincia de Ourense.

No acto de clausura, celebrado na sede da CEO, o presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que esta iniciativa dá lugar a unha "comunidade permanente" de asociacións empresariais, creada para favorecer a cooperación, o intercambio de experiencias e a xeración de sinerxías entre entidades.

Menor puxo en valor o papel das asociacións empresariais como "auténticas vertebradoras do territorio" e reafirmou o compromiso da institución provincial de seguir apoiando o proxecto ExportOU, que considera clave para mellorar a competitividade do tecido empresarial ourensán.

Pola súa banda, o presidente da CEO, David Martínez, explicou que o programa naceu tras detectar, a través do contacto directo coas asociacións, a necesidade de dotar ás súas xerencias de ferramentas que lles permitisen gañar eficiencia e dedicar máis tempo a labores de maior valor engadido.

Ao longo de seis obradoiros prácticos, as participantes aprenderon a empregar aplicacións de intelixencia artificial para tarefas como a redacción de actas e comunicacións, a organización documental, a xestión económica ou a captación de novos socios.

Durante a clausura tamén se entregaron os diplomas ás entidades participantes, cuxas representantes coincidiron en destacar tanto a utilidade práctica da formación como o valor da rede de colaboración creada entre as asociacións, que continuará funcionando como un espazo de apoio e intercambio de coñecementos.

0.12475490570068