Descartadas as obras de saneamento da Avenida das Caldas e a Ribeira do Barbaña
Logo de trasladar á Xunta de Galicia as deficiencias detectadas nalgúns dos puntos da senda peonil que está a executar o goberno autonómico dende a estación intermodal, no barrio de A Ponte, ata a zona de Mariñamansa e preguntar por que cando se levantaron as beirarrúas da Avenida das Caldas non se aproveitou para realizar as obras de saneamento precisas para que se beneficiasen as vivendas do arredor, as socialistas de Ourense lamentan que se fixera “caso omiso” ás demandas e necesidades da veciñanza da cidade.
“Máis cedo que tarde esas obras de saneamento serán necesarias e as e os ourensáns volverán a padecer as molestias coas que hoxe en día conviven, no canto de solucionar nunha única intervención as eivas actuáis”, advirte a deputada do PSdeG no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta.
Tamén a edil no Concello de Ourense Alba Iglesias preguntou por este proxecto en reiteradas ocasións nas Xuntas de Área da Administración local, respondendo o executivo de Gonzalo Pérez Jácome que non se atenderán dende a Xunta de Galicia as demandas para o saneamento da Avenida das Calcas nin sobre o paseo do Barbaña. “É unha senda peonil e sostible que ten pouco disto último porque o único de verde que ten é a cor do formigón, ademais da tala de árbores que se levou a cabo nunha cidade que cada verán se convirte nunha tixola”, denuncia a socialista.
“Ademais, en zonas especialmente naturais, como é a ribeira do Barbaña, pasa unha senda de cemento polo medio e medio. O que, co paso do tempo, previsiblemente provocará que ese material se degrade e acabe contaminando a auga do río e afectando á flora e á fauna”, remata sobre o proxecto.