Descobren en Ourense a pedra-marco inicial do Camiño Nós

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este mércores no acto de descubrimento da pedra-marco inicial do Camiño Nós, coincidindo co centenario da viaxe iniciada o 8 de xullo de 1926 por sete representantes da Xeración Nós cara a Compostela.
Aquel percorrido foi emprendido por Vicente Risco, Lois Feixoo, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Antón Sánchez, Alfonso Vázquez Monxardín e Xavier Pardo, nunha iniciativa que co paso do tempo se converteu nun símbolo do movemento cultural galego.
Durante o acto, Manuel Pardo sinalou que este camiño representa unha metáfora do significado da Xeración Nós, que definiu como “unha Galicia que quería dialogar co mundo sen deixar de ser ela mesma; unha nación de cultura que entendía que a universalidade só é posible desde a raíz”.
O delegado territorial destacou tamén que este grupo intelectual deixou como ensinanza que a identidade dun pobo non depende unicamente do territorio, senón tamén da cultura, da lingua e da capacidade de conservar e transmitir a memoria colectiva.
“A Xeración Nós ensinounos que un pobo non se define só polo territorio que habita, senón pola cultura que crea, pola lingua que fala e pola memoria que é capaz de transmitir”, afirmou Manuel Pardo.
Segundo explicou, os integrantes da Xeración Nós defendían unha Galicia aberta ao exterior e europea por vocación, pero profundamente vinculada ás súas raíces. Neste sentido, engadiu que “non hai verdadeira universalidade sen raíces, nin futuro duradeiro sen coñecemento do propio”.
Manuel Pardo concluíu que o descubrimento desta pedra-marco pretende recuperar precisamente ese espírito, “o legado de Nós” e a vontade de proxectar Galicia cara ao mundo desde o coñecemento da súa propia identidade.