Dous centros ourensáns participan no Congreso da Innovación na Formación Profesional 'FP Innova 2024'
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a organizar o Congreso da Innovación na Formación Profesional 'FP Innova 2024' que terá lugar ata este venres 26 de abril na Cidade da Cultura de Galicia e no que participan dous centros ourensáns.
Trátase da sexta edición dun evento que se constitúe como referente na difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia de coñecemento e da capacidade de emprender na que está imnersa a Formación Profesional de Galicia.
Os centros participantes pertencentes á comarca de Ourense son o CIFT Portovello e CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel, con dos proxectos respectivamente.
Pola súa banda, o CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel leva a este congreso o proxecto Simulador colaborativo de realidade virtual para emerxencias extrahospitalarias, que ten como obxectivo desenvolvemento dun simulador colaborativo de realidade virtual para a formación do alumnado en situacións de emerxencias extrahospitalarias, permitindo a interacción de dúas persoas nun mesmo escenario virtual, e o proxecto Preparación para procesos de selección de persoal mediante realidade virtual, en colaboración co CIPF Portovello, orientado a desenvolver unha ferramenta de realidade virtual que simule procesos de selección de persoal, permitíndolle ao alumnado afrontar de xeito realista e gamificado estes procesos, co obxectivo de practicar e mellorar a súa preparación para eles.
Dende o CIPF Portovello presentarán tamén o proxecto AOVE galego: olivicultura de calidade en Galicia, que ten como finalidade a elaboración dunha guía didáctica interactiva en liña sobre a olivicultura, a elaboración e a cata de aceite de oliva virxe, integrando un receitario con propostas culinarias e de repostaría que aproveiten o aceite de oliva virxe extra producido en Galicia.