Dous edificios do casco histórico de Ourense sumarán seis vivendas públicas en alugueiro accesible

O casco histórico de Ourense contará proximamente con seis novas vivendas de promoción pública grazas á rehabilitación de dous inmobles situados na praza Manuel Sueiro e na rúa Pelaio. As actuacións desenvólvense ao abeiro do programa Rexurbe, unha iniciativa autonómica que adquire edificios nos centros históricos galegos para reformalos e destinalos a alugueiro accesible.
No edificio da praza Manuel Sueiro habilitaranse cinco vivendas, mentres que no inmoble número 9 da rúa Pelaio obterase unha vivenda adicional. En conxunto, ambas as dúas intervencións supoñen un investimento de 1,9 millóns de euros, que conta con cofinanciamento de fondos europeos. Os traballos deberán estar concluídos ao longo de 2027.
Unha vez rematadas as obras, os pisos ofreceranse en réxime de alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, reservando o 40 % das vivendas para menores de 36 anos.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, explicou que o programa Rexurbe busca, ademais de ampliar a oferta de vivenda accesible, "revitalizar os cascos históricos que temos en Galicia e asentar poboación". A responsable autonómica, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coñeceu sobre o terreo o estado de ambas as obras.
Mobilidade peonil en Reza
Á marxe das actuacións en vivenda, a Xunta tamén desenvolve no barrio ourensán de Reza obras para crear unha senda peonil ao longo da estrada autonómica OU-402. Esta intervención, dotada cun investimento próximo a 1,5 millóns de euros, permitirá habilitar máis de dous quilómetros de itinerario peonil co obxectivo de garantir desprazamentos seguros tanto para a veciñanza como para os visitantes da zona. Os traballos prevese que rematen o vindeiro ano.