Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2027 para financiar os seus programas de autonomía persoal

OurenseXa
A asociación editou 800 exemplares, entre calendarios de parede e de mesa, cuxa venda se destinará integramente aos programas que desenvolve ao longo do ano a prol das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais
Down Ourense presentación calendario solidario
24 Nov 2026

A Asociación Down Ourense deu a coñecer esta mañá o seu calendario solidario correspondente a 2027, unha iniciativa que a entidade mantén desde hai catorce anos e que se consolidou como unha das súas principais ferramentas de sensibilización e de captación de recursos.

As imaxes que ilustran esta nova edición son obra, un ano máis, do fotógrafo Emilio Romanos e foron realizándose ao longo de varias semanas, coa participación activa das persoas usuarias da entidade, protagonistas das distintas escenas recollidas no almanaque.

Ao acto de presentación asistiron representantes tanto da Deputación de Ourense como da propia asociación. Pola institución provincial, que colaborou na impresión dunha parte dos exemplares, acudiu o deputado Rosendo Luís Fernández, membro da Comisión de Políticas Sociais.

A presidenta de Down Ourense, Sonia González, subliñou durante a súa intervención que o calendario vai máis alá dun simple produto editorial. Segundo explicou, a iniciativa busca dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, achegando a súa realidade á cidadanía e poñendo en valor a súa participación activa na sociedade. González engadiu que cada edición permite contar unha historia distinta e agradeceu especialmente a boa acollida e a implicación de quen colaborou nesta ocasión.

A presidenta animou ademais á cidadanía a adquirir o calendario, lembrando que con esta compra non só se contribúe a financiar os programas que a entidade desenvolve durante todo o ano, senón que tamén se apoia un proxecto que, nas súas palabras, promove a inclusión, combate os estereotipos e axuda a construír unha sociedade máis aberta, diversa e comprometida coas persoas. Así mesmo, a asociación quixo trasladar o seu agradecemento á Deputación de Ourense e ás empresas colaboradoras por facer posible a iniciativa.

A tirada desta edición acada os 800 exemplares, repartidos a partes iguais entre 400 calendarios de parede e 400 de mesa, que sairán á venda nas próximas semanas a un prezo de 5 euros.

Como vén sendo habitual, toda a recadación destinarase de xeito íntegro aos programas de promoción da autonomía persoal que impulsa Down Ourense, orientados a mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como a das súas familias. Na actualidade, a entidade atende a 109 persoas da cidade e da súa contorna.

Quen desexe facerse co calendario solidario poderá adquirilo directamente na sede da asociación, na rúa Río Camba, 6, así como nos establecementos Angelo Milano (rúa do Paseo, 30) e Mäire (rúa da Concordia, 12). A iniciativa foi posible grazas á colaboración de CIE Galfor, Transportes E. Cid, Electricidad Javier Bello, Electel e Transportes Lemos.

0.18296480178833