Eladio Santos destaca a aposta do executivo central coa modernización do Rexistro Civil na provincia de Ourense

O BOE publicou hoxe a entrada efectiva da aplicación informática DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia
eladio-santos-rexistro-civil
Eladio Santos visita as oficinas do Rexistro Civil de Xinzo
15 Apr 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou este martes o “gran compromiso” do Executivo central coa dixitalización e a modernización dos servizos de atención ao cidadán. Así o expresou durante a presentación da plataforma DICIREG na oficina do Rexistro Civil do Barco de Valdeorras, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García.

Durante a visita, Eladio Santos anunciou que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou hoxe a entrada efectiva da aplicación informática DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia, “o que quere dicir que a provincia de Ourense avanza”.

Esta ferramenta facilita a tramitación electrónica de expedientes, a inscrición de feitos relativos ao estado civil das persoas, a organización da información en formato dixital e o acceso por vía telemática á mesma. Deste xeito permite a xestión electrónica de eventos como nacementos, matrimonios e defuncións, posibilitando á cidadanía o acceso a certificados e trámites de forma segura e en remoto. Outra das melloras deste sistema é que facilita o servizo de españois en países estranxeiros, xa que desde as Embaixadas e Consulados poderase acceder a datos de diferente procedencia integrados nunha única plataforma.

Tal e como explicou o subdelegado do Goberno, DICIREG está adaptada ao novo modelo de Rexistro Civil, “un rexistro do século XXI que permite a interoperabilidade entre Administracións Públicas e a diminución de tempos para os usuarios”.

“Este acto aquí, no Barco de Valdeorras, amosa que a dixitalización non é só para as grandes cidades. O compromiso do Goberno é con tódalas persoas, residan onde residan”, destacou Santos.

A implantación progresiva desta ferramenta enmárcase no proceso de modernización da xustiza que está a levar a cabo o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes. “En definitiva, esta ferramenta marca un antes e un despois na forma en que a cidadanía se relaciona co Rexistro Civil”, concluíu o subdelegado.

Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia

O BOE publica hoxe tres resolucións do 2 de abril polas que se acorda a entrada en servizo efectiva da aplicación DICIREG nas oficinas do Rexistro Civil dos partidos xudiciais de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia.

Deste xeito, queda aprobado o inicio do funcionamento da ferramenta nas oficinas xerais e nas oficinas colaboradoras dos partidos xudiciais de Celanova (A Bola, A Merca, Cartelle, Gomesende, Quintela de Leirado e Ramirás), Ribadavia (A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Me-lón e Pontedeva) e Xinzo de Limia (Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Tras-miras, Vilar de Barrio e Vilar de Santos).

⚙ Configurar cookies
0.080504894256592