Eladio Santos destaca en Allariz o compromiso do Goberno Central cos refuxiados

OurenseXa
O Concello de Allariz colabora coa ONG ACCEM na súa labor humanitaria cedendo as instalacións do albergue municipal para a estancia de mozos procedentes de Mali
centro-acollida-allariz
Albergue Municipal de Allariz
27 Jan 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, realizou unha visita ao centro de acollida de inmigrantes situado en Allariz. Trátase de mozos, de entre 20 e 30 anos, que chegaron a España a través das Illas Canarias, fuxindo do conflito bélico de Mali, dende onde foron trasladados posteriormente a outros puntos do territorio nacional para facer fronte á súa asistencia e atención.

Da man da ONG ACCEM, que leva a cabo unha importante labor de acollida, formación e integración de persoas migrantes, un grupo reside dende fai unhas semanas en Allariz, no albergue municipal que foi cedido polo Concello para colaborar nesta labor humanitaria. Os gastos para a súa manutención son afrontados de xeito íntegro polo Goberno central

A gran maioría deles levan un tempo na localidade, con solicitude de asilo tramitada e cunha boa integración no municipio. Durante esta visita, os mozos mostráronlle ao subdelegado o seu agradecemento ao trato que están recibindo na vila e á acollida no albergue municipal.

Eladio Santos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, lembrou que “o Goberno de España está comprometido cos labores humanitarios para dar acollida aos inmigrantes que foxen de terribles conflitos bélicos”. Ademais, agradeceu o compromiso e colaboración do Concello de Allariz dende o primeiro momento, “xa que a acollida destas persoas non é un problema, é unha acción de humanidade na que deben implicarse todas as administracións, tamén as autonómicas”, dixo.

0.16254806518555