Eladio Santos destaca o labor de ASPANAS a prol da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual

OurenseXa
No centro de Velle residen de forma habitual 35 persoas, e máis de 60 participan nalgunha das súas actividades
eladio-santos-aspanas
Eladio Santos nunha visita ao centro de ASPANAS en Velle
29 Jan 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou o centro residencial para persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio intermitente que a Asociación Aspanas ten en Velle (Ourense).

Con motivo desta visita, o subdelegado lembrou que “o Goberno de España conseguiu fai un ano que se modificase a Constitución para recoñecer ás persoas con discapacidade dereitos plenos”. Ademais, fixo fincapé en que se trata dun artigo que recolle “o compromiso das administracións de garantir con recursos públicos que as persoas con discapacidade teñan unha vida plena e en igualdade de condicións que o resto da sociedade”.

A Asociación Aspanas busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, na procura da súa integración social e autonomía, ao tempo que presta axuda ás súas familias. Deste xeito, no centro de Velle residen de forma habitual 35 persoas; outras 30 conviven de luns a venres, pasando as fins de semana coa familia; 28 persoas acoden ao centro ocupacional, no que participan na elaboración de xabóns ou serigrafía, produtos que posteriormente son postos á venta; e 14 persoas asisten ao centro de día, co que se busca facilitar a vida laboral e o descanso das súas familias.

Tras percorrer as instalacións e coñecer a parte dos seus membros, o subdelegado mostroulle ao equipo directivo de Aspanas o seu agradecemento pola visita e polo labor fundamental que realizan a diario.

Eladio Santos estivo acompañado polo presidente de Aspanas, Javier Rodríguez; a coordinadora do centro, Belén González; a responsable de Recursos Humanos, Olaya Jorge; e o xefe de Administración, Ramón Martínez.

 

0.14804291725159