Eladio Santos reafirma o compromiso do Goberno central cos gandeiros afectados pola EHE
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá con alcaldes da Comarca Terras de Caldelas para abordar os efectos que a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está ocasionando ás explotacións gandeiras da zona, logo de que Medio Rural informase esta semana de que aumentaban a 27 as comarcas veterinarias galegas (14 ourensás) afectadas por este praga.
Para coñecer a situación Eladio Santo visitou unha explotación na parroquia de Pola (Castro Caldelas), acompañado polos rexedores de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; Montederramo, Óscar Diéguez, e Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Durante a visita, o subdelegado lembrou que son as comunidades autónomas, no caso de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, as competentes en materia de gandería e, polo tanto, é a Xunta, en primeira instancia, a responsable de establecer axudas ao sector, como así publicou esta en xaneiro de 2024, “pero estas axudas aplícanse só no caso de morte do animal e cun baremo de indemnización moi baixo, fronte ao establecido por outras comunidades”, lamentou Eladio Santos.
Pola súa banda, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está a actuar como axente de enlace e coordinación entre as comunidades e, cumprindo co compromiso manifestado o pasado mes de maio durante o Foro de Gandería Extensiva celebrado en Toledo, o Goberno de España ultima un Real Decreto para complementar as axudas aos gandeiros, compatibles coas achegadas pola administración rexional, europeo e local. As mesmas terán carácter retroactivo e inclúense nunha partida de 15 millóns de euros destinada a paliar os efectos económicos que a EHE está a causar no sector gandeiro.
A este respecto, dende Medio Rural aseguran que están á espera de dito decreto para habilitar a súa liña de axudas porque precisan coñecer de canto diñeiro disporá Galicia e como se executará. Neste senso, o subdelegado foi claro: “a Consellería non debe agardar polas medidas do Ministerio, senón activar as súas propias e estar ao carón dos gandeiros, con axudas directas para resolverlles os problemas que todas estas perdas están causando nas explotacións”, sentenciou.
Ademais, explicou que a evolución da enfermidade desde 2022, data do seu inicio en España, está a ser a previsible, polo que as autonomías poden tomar as medidas que consideran oportunas en materia de prevención ou axudas financeiras para medicamentos ou tratamentos.
Santos lembrou o compromiso do Ministerio a aportar unha vacina, que xa está dispoñible. Ademais, o MAPA está valorando a restrición de circulación de gando entre comunidades e incluír a EHE dentro das coberturas dos seguros agrarios ENESA.
Por último, o subdelegado deixou claro que o gandeiro é “un sector estratéxico, non só económico, senón para reflexar o noso apoio ao mundo rural e á gandaría sostible e de calidade, que é polo que debemos apostar en Galicia”.