Empresarias e traballadoras de Ourense reivindican a igualdade laboral no 50 aniversario do 8M

OurenseXa
A presidenta da CEO destacou os avances logrados, pero insistiu na necesidade de eliminar a segregación de xénero no mundo laboral
acto-ceo-ourense-8m
Acto da CEO polo 8M
8 Mar 2025

Con motivo do Día Internacional da Muller, a CEO acolleu o tradicional acto para conmemorar esta data xunto a outras mulleres empresarias e traballadoras representantes de sectores económicos, empresariais e da administración. A presidenta da entidade, Marisol Novoa, destacou na súa intervención a importancia de seguir avanzando na igualdade de oportunidades no ámbito laboral. Nun acto que reuniu mulleres de múltiples sectores, Marisol Novoa puxo en valor a presenza feminina en profesións tradicionalmente masculinizadas e a necesidade de eliminar estereotipos de xénero: "Hoxe celebramos os logros acadados, pero aínda queda camiño por percorrer. A educación é clave para a igualdade e debemos seguir traballando para que as mulleres poidan acceder a calquera profesión sen barreiras nin prexuízos", subliñou a presidenta.

Durante a súa intervención, fíxose especial mención á escasa presenza de mulleres en sectores como o transporte, a mecánica, os corpos de seguridade ou as profesións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Como exemplo, resaltouse o labor de Marta Asensio, policía nacional, e Cristina Posada, primeira bombeira de Ourense, quen compartiron as súas experiencias no evento. Pola súa parte, a policía Marta Asensio animou ás nenas e mozas que queiran acceder a esta profesión, mentres que Cristina Posada lembrou o apoio que atopou dentro do corpo nos seus inicios.

A mensaxe central do acto foi clara: a loita pola igualdade non é só das mulleres, senón de toda a sociedade. "Non queremos mulleres en mundos de homes, senón persoas capacitadas desempeñando os mesmos traballos en igualdade de condicións", resaltou Marisol Novoa, quen aproveitou tamén para falar sobre o Gabinete de Igualdade, creado hai seis anos co apoio da Xunta de Galicia, que ofrece asesoramento gratuíto ás empresas para fomentar a igualdade e reducir a fenda salarial. "As empresas xogan un papel clave e deben seguir aproveitando o talento e liderado feminino", afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.61575818061829