Entregados os premios do III certame de decoración polo Orgullo LGTBIQ en Allariz

OurenseXa
O concurso, promovido pola Asociación de Amigos da Pasarela Solidaria en colaboración co Concello, contou con 12 establecementos participantes
concurso-decoracion-escaparates-lgtbi-allariz
29 Jun 2026

Allariz deu a coñecer as persoas e establecementos gañadores do Certame de Decoración polo Orgullo LGTBIQ, unha iniciativa promovida pola Asociación de Amigos da Pasarela Solidaria de Allariz en colaboración co Concello, que celebrou a súa terceira edición co obxectivo de implicar á cidadanía na transformación das rúas mediante a decoración de escaparates, interiores de locais e balcóns ou ventás, co fin de visibilizar o compromiso cunha sociedade máis igualitaria.

O premio ao mellor escaparate foi para Óptica Alarica, no que o xurado valorou o uso da decoración para atraer a vista cara ao produto e a integración do mesmo coa temática do certame.

Nesta edición participaron un total de 12 establecementos no concurso, aínda que tamén houbo outros negocios que se sumaron á proposta sen competir oficialmente.

O premio á mellor decoración interior quedou deserto, xa que a única proposta presentada foi a do establecemento patrocinador Fío de Liño.

Entre os negocios participantes estiveron Albergue Allariz, A Mariñeta, Sio Allariz, Sneakers N2, A Tenda do Pepiño, Mara Collections, A Tulla, Piplot, As Curuxas Academia, Bambi Moda Infantil, Óptica Alarica e Xurga Ben Estar.

0.13764905929565