Escolares de Ourense visitan o Centro Cultural José Ángel Valente no Día dos Museos

A Concellería de Educación do Concello de Ourense conmemora o Día Internacional dos Museos, celebrado este 18 de maio, cun programa de visitas didácticas dirixido ao alumnado da cidade no Centro Cultural José Ángel Valente.
A iniciativa permitirá que un total de 744 alumnos e alumnas procedentes de 16 centros educativos participen nesta actividade, na que tamén colaboran artistas locais con obras expostas neste espazo cultural. As visitas forman parte do programa educativo municipal “Coñece a túa cidade” e desenvolveranse ao longo de sete sesións entre este luns e o mércores.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, participou na visita organizada na mañá deste luns xunto ao alumnado asistente. Ademais de coñecer as instalacións e as obras expostas, os escolares realizaron diferentes actividades creativas inspiradas nas pezas da colección, elaborando as súas propias interpretacións artísticas durante a xornada.