Escolares do CEIP Saco e Arce participan nunha xornada de prevención de incendios na base de helicópteros da Merca

OurenseXa
O alumnado asistiu a explicacións sobre as tarefas que desenvolve o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), así como sobre as instalacións e medios cos que conta este operativo na provincia
escolares-toen-incendios
16 Apr 2026

Un total de 50 alumnos do colexio CEIP Saco e Arce de Toén participaron esta mañá nunha actividade de formación e sensibilización sobre incendios forestais na base de helicópteros da Merca, onde puideron coñecer de primeira man o funcionamento do dispositivo de loita contra o lume.

Durante a xornada, o alumnado asistiu a explicacións sobre as tarefas que desenvolve o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), así como sobre as instalacións e medios cos que conta este operativo na provincia. Ademais, leváronse a cabo charlas divulgativas e de autoprotección para ensinarlles como actuar en caso de detectar un incendio forestal, xunto con talleres prácticos e exhibicións de manobras con brigadas e autobombas.

Estas accións forman parte dun programa de divulgación adaptado a distintas idades que xa chegou a preto de 700 escolares da provincia, con actividades desenvolvidas en centros educativos e en instalacións do servizo de incendios como bases, centros de coordinación ou aeródromos.

No marco desta actividade, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse á base para participar na xornada e destacou a importancia deste tipo de iniciativas. Así, subliñou que buscan concienciar aos máis novos sobre a prevención dos incendios forestais, dar a coñecer o dispositivo existente e poñer en valor o labor dos profesionais que loitan contra o lume.

Manuel Pardo explicou que estas xornadas, organizadas pola Consellería do Medio Rural, combinan información sobre prevención con contidos divulgativos e prácticos, e enmárcanse na planificación anual da Xunta. Neste sentido, lembrou que, segundo a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) aprobada esta semana, este ano continuarase co programa cun mínimo de 300 charlas dirixidas especialmente a escolares de contornas rurais.

Posteriormente, o delegado territorial desprazouse á localidade de Cabeza de Vaca, no concello de Ourense, para supervisar os traballos de prevención que se están a executar ao abeiro do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, nos 50 metros que rodean os núcleos de poboación.

Sobre o terreo, salientou o incremento do orzamento deste convenio, que acada os 25 millóns de euros anuais, o dobre que no anterior acordo. Segundo indicou, esta colaboración coa empresa pública Seaga permite apoiar ás administracións locais e aos propietarios no cumprimento das súas obrigas.

Neste contexto, destacou tamén o aumento das parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, nas que os particulares poden contratar directamente a Seaga para realizar rozas preventivas por un importe de 420 euros por hectárea. Ademais, mantense a posibilidade de executar actuacións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra destas zonas, así como a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.

O programa inclúe tamén apoio aos concellos na revisión ou modificación dos seus plans municipais de prevención, así como nas tarefas de inspección e notificación aos titulares das fincas.

En canto á adhesión ao convenio, Manuel Pardo lembrou que 292 concellos galegos —90 deles na provincia de Ourense— solicitaron incorporarse, o que supón máis do 93 % dos municipios da comunidade. No que vai de ano, xa se executaron na provincia preto de 40 hectáreas de xestión de biomasa en faixas secundarias e 24 quilómetros de vías municipais en dous concellos.

0.13802194595337