Esgos e Nogueira de Ramuín únense ao proxecto sobre o transporte metropolitano en Ourense

OurenseXa
Na primeira reunión desta comisión xa se acordou invitar a estes dous municipios a formar parte pola súa proximidade aos polígonos industriais
comite politico tecnico do transporte metropolitano de ourense
Reunión do Comité Político do Transporte Metropolitano
16 Jul 2024

O Comité político-técnico, para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense activado pola Deputación, convidou aos concellos de Esgos e Nogueira de Ramuín a incorporarse a dito organismo.

O presidente da Deputación, Luis Menor, lembrou que na primeira reunión desta comisión na que se abordou o ámbito territorial da mesma, acordouse invitar a estes dous municipios a formar parte pola súa proximidade aos polígonos industriais e xa se lles notificou formalmente nese momento.

Na primeira reunión desta comisión estiveron representadas as seguintes institucións: a Deputación de Ourense, os grupos políticos da Deputación (PP, PSOE, BNG e DO), a Xunta de Galicia, e os concellos de Amoeiro, Barbadás, Cenlle, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar Taboadela, A Peroxa, Punxín, San Cibrao das Viñas, Toén e Vilamarín.

Na reunión acordouse amosar o firme compromiso do Comité de sacar adiante solucións que permitan dotar á area metropolitana de Ourense dunha rede de transporte colectivo de viaxeiros, en autobús, que sexa rápido e atractivo para a veciñanza. Tamén acordaron que os concellos limítrofes co termo municipal de Ourense presenten antes do 1 de setembro de 2024 as súas propostas de extensión de liñas, cunha limitación xeral de tres quilómetros de extensión con respecto ás liñas actuais.

Así mesmo, a comisión adoptou que os concellos non limítrofes co termo municipal de Ourense presenten antes do 1 de setembro de 2024 as súas necesidades e propostas de carácter complementario ás anteriores, así como que se se realicen reunións de carácter eminentemente técnico entre o persoal técnico designado polas AAPP que teñen contratos en vigor ou próximos á súa licitación (Xunta de Galicia e Concello de Ourense) que poden resultar afectados polos acordos que se adopten, así como dos concellos implicados.

0.12895703315735