Esgos prepara o Samaín con obradoiros, percorridos pola vila e unha casa do terror

O Concello de Esgos prepara unha programación especial para celebrar o Samaín con actividades pensadas para gozar desta tradición a través da creatividade, os percorridos polas rúas e as experiencias de medo. As propostas concentraranse nos venres 23 e 30 de outubro.
A primeira cita será o venres 23, ás 18.00 horas, na biblioteca municipal, cun obradoiro de decoración de cabazas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente neste espazo antes do mércores 21 de outubro.
A programación continuará o venres 30 cun percorrido polas casas da localidade, que comezará ás 17.30 horas. A actividade permitirá visitar os fogares dos veciños e veciñas nunha proposta que combina diversión e misterio. Para participar, será necesario anotarse na biblioteca antes do martes 27 de outubro, onde tamén se facilitará información sobre as condicións do percorrido.
Ese mesmo día, o Centro Cultural Parada Justel acollerá o ‘Manicomio Esgos’, unha casa do terror que abrirá as portas entre as 18.30 e as 20.30 horas. A actividade estará dispoñible para todos os públicos e non requirirá inscrición previa, xa que o acceso se realizará por orde de chegada.