Espazo Común Punxín: "Os veciños non precisan cambios de cargos, senón actuacións"

OurenseXa
A formación defende que os cambios no goberno municipal non substitúen as actuacións e adianta que concorrerá aos próximos comicios cun programa elaborado a partir das demandas veciñais
Espazo Común Punxín
24 Nov 2026

Espazo Común Punxín, que xa criticara a xestión do edil cesado, trasladou a OurenseXa a súa valoración da situación política do municipio tras a saída de Eladio Fernández da tenencia de alcaldía. A agrupación sostén que o relevo chega tarde e que non resolve o que considera o problema de fondo: un executivo local que, ao seu xuízo, leva anos sen tomar a iniciativa.

A formación admite que a decisión lle corresponde ao alcalde, pero subliña: "Os veciños non precisan cambios de cargos, senón actuacións". Na súa opinión, as actitudes do edil cesado eran coñecidas desde hai tempo, aínda que só terían tido consecuencias cando se dirixiron contra o partido que goberna, e non mentres afectaban unicamente á cidadanía.

Unha crítica á xestión durante tres anos e medio

Espazo Común lembra que, na lexislatura anterior, Fernández defendía desde a oposición iniciativas que non podía executar por falta de capacidade de goberno. Ao incorporarse ao executivo, e mentres contou con maioría no Pleno, esa escusa desapareceu, segundo a agrupación, que afirma que tiña "o poder, os votos e os medios" para impulsalas.

Para a formación, a distancia entre o que se reclamaba antes e o que se fixo despois foi "enorme". Subliña que quen exerce unha oposición dura asume un compromiso con quen o escoita, e resume a súa postura cunha frase: os veciños "non lle pedían miragres, pedíanlle coherencia".

Sen conversas sobre unha alternativa

Preguntada por se mantivo contactos para artellar outro goberno, a agrupación responde que non. Explica que non ten representación no Concello porque non concorreu ás últimas eleccións, polo que non podía participar en negociacións nin promover unha moción de censura, que só poden presentar os concelleiros.

Engade que, tras os comicios de 2023, o entón concelleiro puido explorar un goberno distinto con outras forzas e optou por sumarse ao que levaba máis dunha década á fronte do Consistorio, unha decisión política pola que, a seu entender, os veciños teñen dereito a pedirlle contas. Tamén lles reprocha ás demais formacións con representación que non fosen quen de construír unha alternativa.

Sobre a súa petición de que o exconcelleiro abandone a actividade política en Punxín, a formación vincúlaa a un principio, o da coherencia, aínda que recoñece que serán os veciños quen decidan, xa que el mesmo anunciou que concorrerá ás próximas municipais.

Os problemas do municipio, segundo a formación

Espazo Común aclara que non quere centrar a súa crítica no alcalde, senón en todo o equipo de goberno. Sinala dous problemas principais. O primeiro é a omisión de responsabilidades, que segundo a agrupación se reflicte no estado deficitario de infraestruturas e servizos como a recollida do lixo, o abastecemento de auga, o mantemento de estradas e camiños, o control da prevención de incendios, os servizos sociais ou as actividades culturais. O segundo é a falta de proactividade: o Concello, afirma, actúa "por inercia" desde hai máis dunha década, limitándose a pagar facturas e cobrar impostos.

Cuestionada por posibles iniciativas, a formación refírese con ironía á vontade de contar con tanatorios por todo o termo municipal e menciona o investimento no Bañiño, presentado como gran dinamizador. Segundo indica, no último período destinouse a esa instalación unha partida de preto de 300.000 euros e, fóra dos meses de verán, permanece sen uso.

Un Pleno bloqueado

En canto ao novo equilibrio de forzas, a agrupación recoñece que o goberno local queda agora en minoría, pero non o considera un gran problema: cre que un executivo sen iniciativa non deixará de facer o que xa facía, é dicir, nada, e que é pouco probable que se forme unha alternativa sólida e estable. O resultado, advirte, é un Pleno bloqueado e uns veciños que seguen á espera de solucións.

Franxas contra incendios e rotonda da N-541

Respecto ás franxas de protección contra incendios, Espazo Común explica que a resposta do goberno local foi que se descoñece quen son os propietarios dalgunhas fincas e que se enviaron cartas certificadas. A formación considera que iso non é escusa e lembra que a Lei 3/2007 obriga o Concello a xestionar a biomasa nas franxas secundarias e a actuar de forma subsidiaria cando os titulares incumpren ou non se coñecen.

A súa proposta articúlase en catro pasos: inventariar as franxas e identificar os seus titulares; notificar os descoñecidos mediante o DOG e o BOE; iniciar os requirimentos no inverno para poder executar os traballos antes do verán; e impulsar convenios con outros organismos.

Sobre a rotonda da N-541, aclara que non se opón a unha intervención que facilite o acceso ao núcleo urbano, senón a que o proxecto se limite, ata agora, a anuncios sen avances comprobables. Ao tratarse dunha estrada estatal, apunta que a decisión depende do Ministerio e que o goberno local debería explicar que parte lle corresponde.

Un programa con prazos e seguimento público

Espazo Común Punxín avanza que concorrerá ás próximas eleccións municipais cun programa propio, elaborado a partir das demandas que di estar recollendo nas súas visitas aos veciños. Segundo detalla, non será unha lista de promesas xenéricas: as medidas terán prazos, responsables e seguimento público.

As súas prioridades pasan pola transparencia e a xestión eficiente, cun Concello máis próximo, e por catro liñas: servizos sociais, infraestruturas, vivenda e poboación.

Sobre posibles pactos, a agrupación aspira a lograr unha maioría ampla que lle permita gobernar sen ataduras, aínda que se declara aberta ao diálogo con outras formacións, xa que o criterio, di, "non é a sigla, son as condicións". A súa liña vermella para un goberno de coalición sería a redacción dun programa para toda a lexislatura, con actuacións definidas e públicas, de maneira que a cidadanía poida comprobar se se cumpre o prometido.

0.2084321975708